Wednesday 24 de April de 2024

A Rede de Teatros e Auditorios acolle a estrea na Coruña de “Unha inimiga do pobo”, o novo espectáculo de Talía Teatro subvencionado pola Xunta


— O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da montaxe no Teatro Rosalía Castro, onde poderá verse o venres 3 e o sábado 4 de marzo

— A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe tanto á súa produción, cunha achega de preto de 60.000 euros, como ao inicio da súa xira a través do circuíto autonómico que cofinancia con 40 entidades locais

— Tito Asorey dirixe esta versión da obra de Henrik Ibsen, que adaptou xunto a Vanesa Sotelo para ser levada a escena por un elenco de nove intérpretes

A compañía Talía Teatro estrea esta fin de semana na Coruña o seu novo espectáculo, Unha inimiga do pobo, que sobe ás táboas do Teatro Rosalía Castro o venres 3 e o sábado 4, ás 20,30 h., como parte da programación cofinanciada pola Xunta a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribuíu, así mesmo, á produción desta versión galega da obra de Henrik Ibsen cunha axuda de 60.000 euros ao abeiro da convocatoria para creación escénica do ano 2022.

De feito, tal e como sinalou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación desta estrea no Rosalía, Talía Teatro foi unha das 28 compañías subvencionadas o ano pasado para a posta en marcha dos seus novos proxectos escénicos e a que obtivo maior puntuación na modalidade correspondente a teatro, novo circo e maxia.
25º aniversario da compañía

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades valorou o percorrido da compañía compostelá, fundada inicialmente en Cee hai 25 anos, con preto de 50 espectáculos que abordan moi diferentes temáticas e estilos a partir de creacións propias e da literatura galega, española e universal.

Neste último caso insírese Unha inimiga do pobo, unha das grandes obras do dramaturgo noruegués Henrik Ibsen, baixo a dirección de Tito Asorey, que se encargou tamén da súa adaptación xunto a Vanesa Sotelo para a súa posta en escena por un elenco de nove intérpretes: Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Toño Casais, Rubén Prieto, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo.
Na versión de Talía Teatro, a historia trasládase á Galicia actual para abordar o contexto hostil e a gran presión á que se ven sometidas as emocións humanas a raíz da desinformación, as redes sociais, a crise ecolóxica e o sistema neoliberal. Esta adaptación constata, ademais, a vixencia do texto de Ibsen no que se denuncia o poder político que antepón os beneficios económicos e se reflexiona sobre o papel dos medios de comunicación.

Ademais de contribuír á súa produción, a Xunta cofinancia as funcións coas que Talía Teatro inicia a xira deste espectáculo no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, dentro da que tamén están xa programadas funcións en Carballo (Pazo da Cultura, día 10 de marzo), Vimianzo (Casa da Cultura, día 11), Cee (Auditorio Baldomero Cores, día 12), Ourense (Teatro Principal, día 26) e Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, día 13 de abril).

Preto de 320 funcións

Estas representacións forman parte da carteleira do circuíto autonómico para este primeiro semestre do ano, durante o que se celebrarán preto de 320 funcións a cargo de 114 compañías de artes escénicas e grupos de música cun investimento de 1,1 millóns de euros que achegan a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e mais as entidades xestoras dos espazos asociados.
Dous deles son o Teatro Rosalía Castro e o Fórum Metropolitano da Coruña, que neste primeiro semestre do ano reciben 21 compañías para ofrecer 26 actuacións como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.